Marín convoca un concurso de mascarillas para fomentar o carácter tradicional do Entroido

Marín
22 de xaneiro 2021

O Concello de Marín a través das Concellerías de Festas e Cultura convocará un Concurso de Decoración de Mascarillas cun premio máximo de 300 euros para os maiores de idade e de 200 para as menores. O obxectivo é promover a creatividade da veciñanza e fomentar o aspecto artístico e o carácter tradicional do Entroido, celebración que este ano tocará vivir sen actividades nas rúas

Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez
Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez / Concello de Marín

O Concello de Marín a través das Concellerías de Festas e Cultura convocará un Concurso de Decoración de Mascarillas cun premio máximo de 300 euros para os maiores de idade e de 200 para as menores. O obxectivo é promover a creatividade da veciñanza e fomentar o aspecto artístico e o carácter tradicional do Entroido, celebración que este ano tocará vivir sen actividades nas rúas.

As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez, explicaron durante a presentación que neste certame poderán participar todos os veciños e veciñas da localidade que estean empadroados e, no caso dos menores de idade, que estean matriculados nalgún dos centros de ensino de Marín.

As persoas que queiran participar terán que encher unha solicitude que, xunto coas bases, subirán á web do Concello e ás redes sociais nos vindeiros días. Unha vez cumplimentada, deberá presentarse a través da sede electrónica ou físicamente no Rexistro, previa cita previa chamando ao teléfono 986 88 03 00 ou neste enlace.

A maiores, a persoa que concursa terá que enviar un mínimo de 2 fotografías ao correo [email protected], indicando o nome e apelidos e o número de teléfono. O prazo máximo será o 14 de febreiro ás 23:59 horas.

As persoas gañadoras daranse a coñecer como moi tarde o día 17 de febreiro de 2021, mediante teléfono, mail ou publicitándoo nas redes sociais do Concello e na prensa. O xurado estará formado por representantes do Concello e das asociacións tradicionalmente vinculadas co Entroido.

Por último, o Concello quere remarcar que as mascarillas decoradas simplemente serán un adorno e que non deberán utilizarse para outra cousa que non sexa o concurso. En caso de querer usarse de xeito ornamental, deberá facerse sobre unha mascarilla que conte con todas as medidas sanitarias.