Nas próximas semanas, o casco urbano de Marín contará cunha nova zona de aparcadoiro público gratuíto. Será nunha parcela de 700 metros cadrados da zona de Ponte Zapal.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou esta fin de semana este novo aparcadoiro, que estará ao carón da actual zona de estacionamento de Ponte Zapal, a escasos minutos da praza de abastos, as rúas comerciais, as oficinas de Correos ou a Comisaría da Policía Nacional.
María Ramallo sitúa este novo servizo dentro da súa filosofía de seguir buscando parcelas que poidan servir para ofrecer novas prazas de estacionamento, sobre todo nos espazos máis "tensionados".
O Concello contará con esta parcela grazas a un contrato de aluguer que firma coa propiedade. Nas próximas semanas, acometerán os traballos para poñer a parcela a punto, rozándoa e preparándoa para que poida empezar a utilizarse como bolsa de aparcamento "o antes posible".
O Concello anuncia que tamén está intensificando a busca de parcelas na contorna do centro de saúde e das zonas de Ezequiel Massoni e Jaime Janer.
Con esta nova dotación, Marín suma no seu casco urbano 11 aparcadoiros públicos gratuítos creados nos últimos anos (sen contar o estacionamento da parcela de Praza de España).
O PSOE DENUNCIA UN PARIPÉ
Esta fin de semana, o portavoz municipal do PSOE, Manuel Pazos, tamén fixo público un comunicado relativo ao aparcamento en Marín, en concreto, sobre a creación dunha comisión que analice os problemas de tráfico e aparcamento que ten Marín, que apoiaron nos últimos días o PP e o BNG.
Os socialistas ven "sorprendente" que "PP e BNG decidan ir da man e crear unha comisión que analice os problemas de aparcamento en Marín". Falan de "paripé".
"Nós temos claro que o problema o xerou María Ramallo e as súas decisións e políticas durante estes 13 anos e, por tanto, non imos participar desta comisión cando leva anos rexeitando todas as nosas propostas e alternativas, e na que non se van a achegar estudos ou documentos novos sobre esta problemática", sinalou Pazos.