Marín comeza a campaña de poda

Marín
24 de outubro 2016

Estas podas son necesarias para evitar atascos nos colectores coa caída das follas

Traballos de poda na Alameda de Marín
Traballos de poda na Alameda de Marín / PontevedraViva

Esta mañá iniciáronse os labores de poda das árbores da Alameda, seguirase coas zonas de plataneiros da Barriada Virxe do Carme e en Portocelo.

Estas podas son necesarias para evitar atascos nos colectores coa caída das follas.

O Concello de Marín contratou a unha empresa privada especialidada para esta poda en altura. O encargo é que fagan estes traballos o máis axiña posible e causando as menores molestias nos paseos e nas zonas máis frecuentadas.

Segundo o Goberno Local, estes traballos seguirán na zona do aparcadoiro diante do Concello, Aduanas e Xulgados.

Co apoio da brigada de xardíns están a realizarse outros labores, tendo en conta que se dispoñen de menos operarios que outros anos, polas baixas no persoal.

LIMPEZA RÍO LAMEIRA

Estes días levou a cabo a limpeza anual do río Lameira, que durante esta tempada do ano prepárase para que a canle estea despexada de maleza e de ramas que poidan obstaculizar o leito do río dificultando o seu percorrido.

Xa se actuou no tramo comprendido entre Ponte Zapal e Coirados, incluíndo algúns regatos que tamén se rozan como o que circula polo linde do colexio A Laxe.

As tarefas de limpeza están practicamente finalizadas e en consecuencia os labores desde este momento cínguense á conservación.