O Programa Integrado de Emprego de Marín 24/25 terá como beneficiarias un total de 100 mulleres desempregadas.
Trátase dun programa que recibiu unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por valor de 176.000 euros, que se completarán con 44.000 euros achegados polo Concello de Marín.
O programa desenvolverase ata o 30 de setembro de 2025 e comezará coa selección de mulleres desempregadas rexistradas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego, que será o encargado de remitir ás posibles candidatas.
A finalidade última do Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín 2024/25 é a de posibilitar a integración laboral de mulleres demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.
Cada participante terá o seu itinerario persoalizado de inserción segundo a súa formación, experiencia profesional, inquietudes, aptitudes e os seus propios obxectivos profesionais.