Marín busca quen explote os quioscos das súas praias ata 2028

Marín
06 de abril 2025

Ademais destes quioscos, o Concello sacará de novo a licitación o bar de Portocelo, despois de que a persoa que resultara adxudicataria da concesión presentara a súa renuncia

Praia de Loira, Marín
Praia de Loira, Marín / Mónica Patxot

Ata o próximo 21 de abril está aberto o prazo para que todas as persoas interesadas en xestionar un dos quioscos das praias de Marín poidan presentar as súas ofertas.

Así o anunciou o goberno municipal de Marín, que indica que a concesión será ata 2028.

Son os quioscos de venda de xeados e refrescos e as súas terrazas, que ocupan un dominio público marítimo-terrestre con instalacións desmontables, que se habilitan entre o 1 de maio e o 31 de outubro de cada ano.

Os establecementos que se ofertan son un quiosco en Portocelo e outro en Mogor de 39 metros cadrados, outro en Aguete de 27 metros cadrados, outro en Loira de 62 metros cadrados e un no Santo de 16 metros cadrados.

Os canons anuais mínimos a abonar ao Concello para cada un dos lotes por anualidades e que poden ser mellorados polos licitadores son Portocelo (1.560 euros), Mogor (1.560 euros), Aguete (1.080 euros), Loira (2.480 euros) e O Santo (640 euros),

O abono total polas catro anualidades efectuarase por metades, debendo pagar o 50% con carácter previo á adxudicación da autorización nos dez días hábiles seguintes á notificación do requerimiento da documentación necesaria, para despois proceder á adxudicación.

O BAR DE PORTOCELO, DE NOVO A LICITACIÓN

Por outro lado, a técnica municipal realizou esta semana a correspondente inspección do bar de Portocelo do que a persoa que resultara adxudicataria da concesión presentou a renuncia.

Unha vez comprobado que todo se atopaba en bo estado e cumprindo coa normativa, agora o Concello procederá a sacar de novo a licitación a explotación deste local para que así poida estar aberto de cara ao verán.