Marín alerta de mal uso dos colectores de lixo, con vertidos de peixe fóra do horario

Marín
24 de agosto 2024

As brigadas municipais actuaron con rapidez, baleirando e chorreando os colectores afectados para repoñelos á maior brevidade posible, pero o Concello non se conforma. Amosou a súa condena e tamén anunciou que fará unha campaña de concienciación para ter boas prácticas no depósito de residuos

Limpeza de contedores en Marín
Limpeza de contedores en Marín

O Concello de Marín detectou nos últimos días un mal uso dos colectores de lixo nalgunhas zonas do centro da vila, con condutas como vertidos de peixe fóra do horario establecido na ordenanza.

Este é un exemplo das condutas detectadas e, como resposta, o Concello amosou a súa condena e tamén anunciou que fará unha campaña de concienciación para ter boas prácticas no depósito de residuos.

Así, o Concello lembra que cumprir as ordenanzas municipais por parte da veciñanza é esencial para poder ter unha boa convivencia e non cumprilas deixa situacións como esta denunciada.

Segundo explican, chegaron ao Concello avisos de cheiros insoportables nalgunhas zonas de Doutor Touriño e na Rúa da Ponte, que procedían dalgúns colectores de lixo.

Alí foi onde se detectou que se produciran varios vertidos de peixe fóra do horario. Debido ás elevadas temperaturas, emitían un cheiro que non só saía cara fóra, senón que quedou adherido aos propios colectores.

As brigadas municipais actuaron con rapidez, baleirando e chorreando os colectores afectados para repoñelos á maior brevidade posible, pero o Concello non se conforma.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, lembra que hai "normas sinxelas, que se non se cumpren supoñen un grave problema para a veciñanza da zona afectada".

Así, lembra que non se pode tirar lixo antes das 20.00 horas, sempre hai que facelo en bolsas pechadas e é de obrigado cumprimento facer a recollida selectiva, é dicir, a reciclaxe dos residuos.

Sanmartín condena que "situacións coma estas supoñan un agravio para todos e todas" e pide á cidadanía que colabore para ter un Marín máis limpo.