O Goberno municipal propuxo este xoves ao pleno a adhesión do Concello de Marín á Rede de Concellos Ágora polo espazo público promovida pola Deputación de Pontevedra.
Ágora é unha rede de acción institucional entre concellos e Deputación a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía.
Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas e das relacións colectivas sendo o obxectivo marcado que o período dende a actualidade ata xuño de 2023, os Concellos que se adhiran a esta rede Ágora, incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclistas.
Entre os principios desta iniciativa atópanse, a defensa do espazo público coma un dereito polo que cada persoa poida dispor dun espazo público de calidade no que desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais con seguridade ademais de promover unha mobilidade inclusiva dentro dos cascos urbanos con espazos seguros e de calidade.
Ademais, búscase a redución da presenza de vehículos a motor e o fomento da mobilidade activa que servirá para construír unha sociedade máis saudable promovendo a súa vez con esta potenciación do espazo público de calidade e a presenza de persoas nas rúas servirá de fomento do comercio local.