Marín adapta o orzamento para o futuro auditorio, que custará finalmente 5,4 millóns

Marín
05 de marzo 2022

A proposta para a aprobación do proxecto do Auditorio de Marín "xa está practicamente rematada". O orzamento total da obra será de case 5.400.000 euros. Este proxecto xa modificado o levarán ao próximo pleno, co fin de poder "abrir a licitación canto antes”, engadiu a alcaldesa

Futuro auditorio de Marín
Futuro auditorio de Marín

A proposta para a aprobación do proxecto do auditorio de Marín "xa está practicamente rematada", tal e como anunciou a alcaldesa María Ramallo.

O orzamento estará adaptado aos prezos de 2022, despois de que a licitación quedara deserta por non presentar a empresa a documentación requerida. Foi por iso polo que o Concello tivo que iniciar un traballo de modificación "debido ao incremento de moitos dos materiais que se van utilizar na súa construción", indicou Ramallo.

Deste xeito, o orzamento total da obra será de case 5.400.000 euros e seguirá contando coa financiación na mesma porcentaxe orixinal dos fondos do Marín Dusi, estratexia cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, e da Xunta de Galicia.

Este proxecto xa modificado o levarán ao próximo pleno, co fin de poñer en marcha de novo o expediente de contratación e, por tanto, "abrir a licitación canto antes”, engadiu a alcaldesa.

O edificio estará ubicado na Praza de España e será semisoterrado, para reducir a barreira visual e primando a horizontalidade, para que non se distorsione a imaxe da fachada costeira.

A imaxe será dinámica, moderna e integrada ca contorna, propoñendo un xogo de escamas como as do peixe, nunha chiscadela ao mar e á cultura mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense.

Fundamentalmente, o exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro. Será especialmente interesante, segundo o goberno municipal, a vista que se poderá ter do edificio desde a Alameda, dado que ao estar máis elevada sobre o terreo servirá como miradoiro da superficie do auditorio, cuxa horizontalidade permitirá que o aire sexa o último elemento da paisaxe á vista.

Segundo se recolle no proxecto, todos os materiais serán durables e de escaso mantemento, incluídas as especies vexetais, escollidas coidadosamente pola súa adaptación ao medio mariño e sen necesidade de regos máis alá da propia chuvia a e humidade do ambiente. 

Finalmente, o edificio será sostible e de consumo case nulo, proxectado como un EECN (Edificio de Consumo de Enerxía Case Nulo) onde combinarán instalacións de enerxía renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo enerxético.

O inmoble contará con amplos aleiros na zona sur, que xerarán sombras ao interior, evitando que a incidencia do sol provoque efecto invernadoiro no interior. Isto virá acompañado da utilización de vidros de control solar, que teñen a capacidade de reflectir a enerxía do sol, controlando tamén a temperatura interna. Na iluminación interior, utilizarase tecnoloxía de tipo LED con sistema DALI, que regula a intensidade luminosa en función da iluminación exterior.

O deseño do interior do auditorio está pensado para que teñan cabida todo tipo de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo que poida facer ás veces de praza maior.

A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres visualizacións ao mesmo tempo.

A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un espazo total de case 2.000 metros cadrados.