O Concello de Marín está a realizar traballos de roza e de retirada de especies invasoras para a posta a punto da zona do Lago de Castiñeiras que pertence ao municipio de cara a acoller visitantes no roteiro de sendeirismo.
No acondicionamento da ruta turística, deportiva e de lecer estanse a retirar especies invasoras e con alto risco de incendio como é o caso das acacias, así como a limpeza das árbores caídas durante os temporais de inverno.
Estes traballos están a ser realizados pola empresa H2O Iniciativas no Medio Rural e teñen como propósito "fomentar o turismo verde en Marín, pensado para persoas amantes do sendeirismo e do rural, que teñen nesta ruta unha oportunidade de facer deporte nun ambiente natural e gozar do bo tempo da época estival, sendo esta unha ruta que pode ser utilizada tanto por persoas que veñen a visitarnos como polos nosos veciños", comentan fontes municipais.
As obras comezaron pola parte do sendeiro que estaba en peor estado e rematarán á maior brevidade para que axiña se poida gozar desta contorna natural.