Manuel Bouzas deixou de ser o comisario xefe provincial de Pontevedra a útlima hora da mañá deste venres. Tras tres anos no posto, decidiu que as súas últimas horas á fronte da Policía Nacional en Pontevedra estivesen cargadas de simbolismo e dedicounas ao caso da desaparición de Sonia Iglesias.
Bouzas reuniuse, como cada mañá desde hai ano e medio, co equipo policial que se dedica en exclusiva a esclarecer este caso e, a continuación mantivo unha reunión coa familia da moza pontevedresa desaparecida. O encontro celebrouse na Subdelegación do Goberno en Pontevedra e acudiron a subdelegada, Maica Larriba; e a irmá e a nai de Sonia Iglesias, Carmen Eirín e Mari Carmen Iglesias.
Tras ese encontro, o último acto de servizo de Bouzas, todos compareceron ante os medios de comunicación e a subdelegada explicou que "aínda que Manuel Bouzas abandone esta responsabilidade, esta Subdelegación e as Fozas de Seguridade do Estado van seguir incansablemente, sen baixar a garda en ningún momento".
O xa ex comisario provincial asegurou que mantén a "esperanza de que isto se resolva", pero que resulta imposible falar de prazos, senón que "poden ser dúas horas, dous días, dous meses ou dous anos". Si asegurou que, aínda que el deixe o cargo por xubilación, o equipo específico seguirá traballando e que nada cambiou tras o arquivo provisional da causa por parte do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
"O arquivo xudicial á Policía non lle dice nada. "Se atopamos novas probas, iremos ao xuíz para poder reabrir e actuar en consecuencia", asegurou Bouzas, que, ademais, lembra que "de momento, non hai risco" de que o delito prescriba.
A nai e a irmá de Sonia Iglesias, visiblemente emocionadas, cualificaron como "positivo, esperanzador" que a Policía Nacional siga investigando -tamén a Fiscalía- a pesar de que a causa está arquivada a nivel xudicial e a pesar de que o tempo avanza e pasaron xa oito anos desde aquel 22 de agosto de 2010 en que desapareceu.
"Aínda que pasaron oito anos, non nos importaría agardar outros oito se o resultado final é o que todos esperamos, que se acabe atopando as probas necesarias para levar ao culpable ante a xustiza", valorou Maricarmen Iglesias, "podemos agardar outros oito anos máis, non nos importa".