Mariano Rajoy virá a Pontevedra para apoiar a candidatura de Alberto Núñez Feijóo á Xunta de Galicia. Será nun acto que se celebrará na Praza de Touros da capital provincial o primeiro sábado da campaña electoral, o próximo 6 de outubro. As previsións do PPdeG é que asistan a el unhas 12.000 persoas.
Segundo o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, ese gran mitin será o verdadeiro arranque da súa campaña electoral, "un acto que se realizará co obxectivo de motivar a militantes e afíns, para que se dean conta de que é necesario mobilizarse".
Este evento, que Rueda definiu como o "acto talismán" ou o acto "de referencia" do PPdeG celebrarase co mesmo espíritu que no ano 2009 e no ano 2011. "Trátase do acto que todo partido aspira a facer e só o PPdeG pode permitirse organizalo con esa envergadura e con esa concurrencia", di o dirixente popular.
Será un día antes de que o PPdeG presente o seu programa electoral en Santiago de Compostela, que, como destacou Rueda, será un programa de Goberno, "pensado para aplicar e non para ser modificado por futuras coalicións".
Rueda asegurou que "non se trata dun documento para gañar as eleccións senón para gobernar, a diferenza do que sucede noutros partidos, que se ven obrigados a rachar os seus programas para facer pactos de goberno con outras formacións políticas".
"Será un programa que se desenvolverá na súa integridade, sen renuncias de ningún tipo", concluiu o secretario xeral do PPdeG.