Xunta e Concello de Soutomaior veñen de presentar a penúltima das actividades do desafío Eureka Reto Rural que se organiza xunto co Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. María Vinyals, escritora e precursora do feminismo en Galicia, será a protagonista deste scape room que se desenvolverá con dúas particularidades engadidas: o emprazamento, o Castelo de Soutomaior, que foi o seu lugar de nacemento e o 14 de agosto, data en que naceu.
A iniciativa é unha forma orixinal de coñecer a súa historia superando retos. É gratuíta e está dirixida a todas as idades, aínda que os menores de doce anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. O equipo gañador obterá unha visita guiada, con cata de viños e tapas, a unha adega da zona do Rosal. Ademais o Concello de Soutomaior sorteará entre o participantes tres cestas de produtos locais.
Comezará ás 11.00 horas e requírese inscrición previa na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. A proposta ten un engadido en liña, xa que o scape room estará aberto ao público nesa mesma web durante un mes.
A presidenta de EuRural, Sandra González, animaba a participar nesta proposta "coa que nos mergullamos de pleno no verán con novos desafíos ao aire libre, cos que coñecer novos recunchos do noso territorio, así como a historia e a tradición dos concellos que forman parte del". Silvia Cernadas, concelleira de Turismo en Soutomaior, engadía que "o obxectivo fundamental é o de conmemorar a figura de María Vinyals con motivo do seu nacemento o 14 de agosto de 1875 no Castillo de Soutomaior".
A última das propostas organizadas está fixada para o 20 de setembro en Redondela sobre 'A historia da nosa vila'.