Cun acto "simbólico" que se celebrará o Día das Letras Galegas. Así se visibilizará a incorporación de María Victoria Moreno ao rueiro de Pontevedra. Substituirá ao militar e político Jose María Fernández Ladreda, ministro de Obras Públicas durante a ditadura franquista. Farao, segundo avanzou o alcalde, por unanimidade de toda a corporación.
O pleno do próximo venres aprobará unha moción, inicialmente impulsada polo BNG, que "asumimos todos", explicou Miguel Anxo Fernández Lores, e que conta ademais co apoio da familia de María Victoria Moreno e de numerosas entidades sociais e culturais, entre elas, a propia Real Academia Galega.
Fernández Lores recoñeceu que esta iniciativa tramitouse con "certa premura" para poder inaugurar a nova denominación con motivo do Día das Letras Galegas que se dedica este ano á recoñecida profesora e escritora. Será a cuarta muller en ser homenaxeada, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño.
A "idea", segundo o alcalde, é seguir avanzando na renovación do rueiro de Pontevedra coa incorporación de máis nomes femininos.
Para iso, convocarase unha nova comisión de Cultura para tratar de lograr o "máximo consenso" da corporación acerca das rúas que cambiarán de nome e aprobar as denominacións que se poñerán, tanto nelas como noutras de nova apertura.
Este será un dos asuntos do pleno do venres que, ademais, inclúe tres mocións o PP para a reforma da contorna do centro social de Cerponzóns, para habilitar aparcadoiros express ante as farmacias ou para aprobar unha normativa de uso das instalacións deportivas.
O PSOE, pola súa banda, buscará o apoio da corporación para instar o Goberno a mellorar o sistema de pensións e para habilitar un albergue de peregrinos nas vivendas da ponte do Burgo; mentres que Marea pide estudar a remunicipalización do guindastre e que se introduzan criterios de xénero nas subvencións deportivas.
Por último, Cidadáns presenta unha moción para que o Goberno central aumente o número de axentes da Policía Nacional en Pontevedra e se cree unha unidade de prevención e reacción.