O ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de creadoras galegas xa está en marcha. Dentro do programa A Memoria das Mulleres, a concellería de Patrimonio e Memoria Histórica contará con María Rúa, Helena López e Sara Seco para explicar as diferentes biografías de mulleres presentes na web 'Do gris ao violeta'.
Despois do "destacable éxito" da anterior campaña, o Concello de Pontevedra decidiu apostar de novo por este formato. Algún dos vídeos durante a mesma chegaron a contar con milleiros de reproducións e mesmo a facerse virais entre a comunidade dixital galega, cumprindo co obxectivo de divulgar un coñecemento que non sempre está a man entre as xeracións máis mozas, e mesmo entre os adultos. De novo, a plataforma escollida para a publicación dos vídeos será Tik-Tok -aínda que é habitual ver como os vídeos acaban sendo publicados ou rebotados a outras redes tralo seu lanzamento-.
"Volvemos retomar esta vía de comunicación porque cremos que é unha aposta de cara á mocidade, un xeito de chegar e divulgar unha parte da memoria histórica, cunha ollada, ademais, feminista e feminina, nunha linguaxe coñecida por ela", explica Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica.
Todo o contido estará en galego e será publicado ao longo de todo o que queda deste ano 2022. O primeiro vídeo foi publicado na noite do venres 22 de abril, e xa conta con máis de duascentas interaccións e case dúas mil visualizacións en menos de doce horas.
María Rúa foi a encargada de abrir esta nova serie de vídeos explicando a vida de Regina do Batán, unha muller "brava e forte que lles abriu camiño ás demais". Esta última peza pode ser vista nesta ligazón.