A portavoz da agrupación política Ciudadanos en Pontevedra, María Rey, mostrábase preocupada polo ascenso do Partido Popular nestas últimas eleccións autonómicas e polo descenso de votos do seu partido. Pero manifestou que o seu partido exponse os retos electorais como un traballo de fondo porque non viñeron a realizar un "sprint".
Xustificou os resultados en que Cidadáns leva unha evolución de pouco máis dun ano. Durante ese tempo lograron entrar no Parlamento Europeo, ter representación en 752 concellos e en doce comunidades autónomas, ademais de no Congreso dos Deputados. Con todo, recoñece que apenas teñen organizacións nas cidades de Galicia e afirma que se lanzaron a estas eleccións autonómicas cunha estrutura moi pequena.
María Rey mostrou a súa confianza na candidata Cristina Losada sinalando que conta con todo o apoio do partido. "Tan culpable pode ser ela coma todos nós", asegurou.
A representante de Ciudadanos afirma que cometeron erros pero que aprenderán destes fallos e continuarán traballando porque case 50.000 votantes confían no proxecto do partido que lidera Albert Rivera.