María Ramallo recoñece que "nin nos mellores soños" esperaba unha maioría tan aplastante

Marín
27 de maio 2019

En declaracións a PontevedraViva, Ramallo explicou que durante a campaña recibía "boas sensacións" que, con este resultado, confirmáronse. "Estou encantada da confianza que depositaron os veciños en nós", engade

María Ramallo, alcaldesa de Marín
María Ramallo, alcaldesa de Marín / Cristina Saiz

O Partido Popular confiaba en revalidar a maioría absoluta en Marín, pero como recoñeceu a propia María Ramallo "nin nos mellores soños" esperaban semellante apoio dos cidadáns. Un total de 6.772 marinenses (o 55,55% dos votantes) outorgaron quince concelleiros na próxima corporación. O resto, tan só seis, repartiranse entre PSOE e BNG.

En declaracións a PontevedraViva, Ramallo explicou que durante a campaña recibía "boas sensacións" que, con este resultado, confirmáronse. "Estou encantada da confianza que depositaron os veciños en nós", engade.

Considera que este apoio é un "premio ao traballo, ao esforzo e ao labor continuado" do últimos oito anos, o que fará que os populares afronten este novo mandato "con moita ilusión e con moita enerxía". Será, a partir de agora, unha "responsabilidade estar á altura" e promete traballar "na mesma liña".

"Temos un equipo capaz para sacar adiante todos os proxectos de futuro que necesita Marín", sinalou a alcaldesa.

A este respecto, María Ramallo márcase como a súa gran prioridade "desatascar" un proxecto "importante" para o municipio, a construción do auditorio e do centro cultural nos terreos portuarios.

Para iso espera contar coa colaboración doutras administracións e tamén da oposición municipal, ao entender que necesita que todos "axuntemos esforzos".