María Ramallo asume o bastón de mando de Marín prometendo "traballo, moito traballo"

Marín
13 de xuño 2015

O pleno de investidura no Concello de Marín outorgou por segunda vez a alcaldía á popular María Ramallo grazas á maioría absoluta de 11 concelleiros logrados nas urnas

María Ramallo recibe o bastón de mando no pleno de investidura de Marín
María Ramallo recibe o bastón de mando no pleno de investidura de Marín / Daniel Santomé

O pleno de investidura no Concello de Marín outorgou por segunda vez a alcaldía á popular María Ramallo.

A maioría absoluta de 11 concelleiros logrados nas urnas pola candidatura do PP fixo que o pleno se desenvolvese sen sorpresas.

Ramallo recordou no seu discurso os retos asumidos nos seus primeiros catro anos á fronte da corporación, tales como "o Plan Xeral de Urbanismo, a solución os núcleos do litoral, a finalización das obras da Variante de Marín, o inicio das obras do novo centro de saúde ou unha reforma urbana importante", proxectos que puxo como exemplo "do que se pode facer xuntos".

A alcaldesa asegurou que no seu segundo mandato "ten que seguir traballándose nesa mesma liña", polo que prometeu "traballo, moito traballo e horas de dedicación".

"Nada para min supón máis honra que ser a alcaldesa de Marín", sinalou María Ramallo antes de cloncluir o seu discurso ante un salón de plenos repleto que contou coa presenza da ministra de Fomento, Ana Pastor, e a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

A novidade na corporación municipal de Marín é a entrada por primeira vez de Marea Veciñal con tres concelleiros.

Arquivado en