María Pombo e un grupo de influencers, de paso por Pontevedra en plena peregrinaxe "para desconectar del día a día"

Pontevedra
06 de outubro 2021

A coñecida influencer, que ten máis de 2,1 millóns de seguidores non quixo manter unha entrevista porque, segundo explicou, non podía pararse a falar para non romper o ritmo da marcha e "si hacemos esto es para desconectar del ritmo frenético del día a día, de lo que hago a diario". Detívose en Ponte Sampaio, pero non na Peregrina

María Pombo e as súas amigas, na Praza da Peregrina
María Pombo e as súas amigas, na Praza da Peregrina / PontevedraViva

A coñecida influencer María Pombo, con máis de 2,1 millóns de seguidores en Instagram, pasou ao mediodía deste mércores por Pontevedra dentro dunha peregrinaxe a Santiago no que a acompañan un grupo dalgunhas das caras máis coñecidas das redes sociais en España.

Pombo e os seus amigos influencer empezaron a peregrinaxe este martes en Vigo tras desprazarse en autobús desde Madrid e fixeron noite en Redondela. Á primeira hora da mañá tomaron roteiro de novo, almorzaron en Arcade (Soutomaior) e puxeron rumbo a Pontevedra.

Durante todo o percorrido foron compartindo nos seus perfís de redes sociais as marabillas que se atopaban polo camiño, en especial o seu paso pola ponte romana de Ponte Sampaio.

Xa ao mediodía, ás 14.15 horas, entraron na cidade a través da rúa Gorgullón, a un ritmo moi alto que lles impediu mesmo pararse a fotografar o principal emblema do Camiño de Santiago en Pontevedra, o santuario da Peregrina.

Pasadas as dúas e media da tarde, superaron a céntrica praza e tan só Tomás Páramo (321 k seguidores) se detivo a facer unha foto. Pouco despois, paráron para o merecido descanso para repoñer forzas, neste caso, nun coñecido local da praza do Teucro.

María Pombo rexeitou manter unha entrevista con PontevedraViva, pero si mantivo unha breve conversación na que explicou que non terá contacto coa prensa porque "necesitamos desconectar". Ademais, sinalou que non podía pararse a falar para non romper o ritmo da marcha.

"Si hacemos esto es para desconectar del ritmo frenético del día a día", xustificou, indicando que xa durante a mañá interromperon o seu roteiro en dúas ocasións pedíndolle entrevistas, pero ela rexéitaas porque "lo que necesito es desconectar de lo que hago a diario".

Ao seu paso por Pontevedra, o grupo de  influencers cruzouse con outra cara coñecida das redes sociais e a televisión, Hugo Pérez Cabaleiro, o mozo natural de Bueu que adquiriu fama como concursante de 'Gran Hermano 15', concurso ao que chegou acompañado da súa cabra, e que recentemente acudiu a 'La Isla de las tentaciones 3' con Lara  Tronti, a súa parella. Ambos estaban este mércores en Pontevedra cando se cruzaron co grupo máis ' instagrameable' e non perderon ocasión de compartir o momento nos seus perfís.

Segundo explicaron os seus acompañantes, percorrerán durante estes días 108 quilómetros, entre Vigo e Santiago. Este mércores xa se lles notaba certo cansazo, aínda que camiñaban a bo ritmo. 

Esta peregrinaxe 'influencer' forma parte da campaña dunha marca comercial e tamén inclúe a perfís coñecidos en redes como a modelo Marta Lozano, que con 26 anos aproxímase ao millón de seguidores. Ten este martes 934.000.

A lista complétana personalidades con miles de seguidores como Teresa Andrés Gonzalvo (655k), Gracy Villareal (653k), María García de Jaime (490k) -que este mércores non puido facer o camiño, pero si estivo na primeira etapa ata Redondela-, Aina Simón (341k), Tomás Páramo (321k), Lucía Avendaño (168k), María Hernández (123k), Gabriela Toral (122k), Alba Peraranau (121k) ou Carlota Maranon (105k)