María José de Pazo, portavoz dos familiares do Villa de Pitanxo, ante a aparición do barco: "é unha noticia moi positiva"

Marín
04 de xuño 2023

A falta de confirmación oficial, amosa a súa satisfacción porque o Ártabro detectara o pecio do barco en augas de Terranova e lembra que "non só é un barco dentro dunha proba dun proceso xudicial, senón o lugar onde faleceron 21 seres queridos e consideramos que é a tumba de doce, que desapareceron"

Lugar onde foi detectado o Villa de Pitanxo polo Ártabro
Lugar onde foi detectado o Villa de Pitanxo polo Ártabro / Vessel Finder

"É unha noticia moi positiva para todas as familias e para toda a xente que estaba á espera", afirmaba este domingo María José de Pazo, a portavoz das familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, unha vez coñecido que o buque Ártabro que realiza os labores de procura nas augas de Terranova detectou o pecio nas proximidades do punto onde se produciu o fatal afundimento.

Neste sentido, De Pazo asegura que "é un tema moi serio que nos toca no máis profundo do ser", sinalou insistindo en que "non só é un barco dentro dunha proba dun proceso xudicial, senón o lugar onde faleceron 21 seres queridos e consideramos que é a tumba de doce, que desapareceron".

A portavoz indicou que aínda carecen de confirmación oficial por parte das autoridades, pero si recoñece que todos os indicios que manexan é que a estrutura metálica aparecida o xoves se corresponde co Villa de Pitanxo. "Todos os datos indícano", explica baseándose nas informacións que están a recibir durante as últimas horas.

Sinala tamén que este domingo baixará o robot para gravar o barco desde unha distancia máis próxima ao casco co obxectivo de solicitar información sobre as causas que provocaron o tráxico desenlace o 15 de febreiro de 2022.

A Audiencia Nacional ten este caso xudicializado por 21 posibles delitos de homicidio por imprudencia e mantén como investigados ao patrón e a armadora do barco, Juan Padín e Pesqueiras Grupo Nores.