María Jesús Prieto poñerá voz á ofrenda floral e Rafael Domínguez á advocación na misa pontifical do domingo

Pontevedra
10 de agosto 2024

A carroza procesional sairá este sábado 10 a partir das 13.15 desde a Praza de España cara ao santuario onde comezará a ofrenda floral á patroa da provincia, a Virxe Peregrina

Fieis, peregrinos e visitantes coinciden estes días no santuario da Virxe Peregrina
Fieis, peregrinos e visitantes coinciden estes días no santuario da Virxe Peregrina / PontevedraViva

A escasas horas do inicio da Semana Grande de Pontevedra en honra á Virxe Peregrina, patroa da provincia, o santuario da nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina mantén un bulir constante de fieis, peregrinos e visitantes. Desde comezos de semana no atrio atópase a carroza procesional que, ocupada por nenos e nenas confrades, sairá desde a Praza de España ás 13.15 horas deste sábado 10 de agosto, unha vez concluído o pregón inaugural.

Discorrerá por Michelena para terminar ante o santuario onde se procederá á tradicional ofrenda floral. Nesta edición a persoa encargada da lectura oferente será a secretaria xudicial da Administración de Xustiza en Pontevedra, María Jesús Prieto Toranzo.

O domingo 11 día da Peregrina, haberá misas no santuario ás 09.30 horas, ás 12.00 horas será a misa pontifical oficiada polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto Fernández, e a persoa que procederá á lectura da advocación será o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez que nesta ocasión representa ao partido xudicial de Pontevedra.

Pola tarde ás 19.00 horas oficiarase misa e ás 21.00 horas sairá desde o santuario a procesión, tras a danza gremial de cintas na propia Praza da Peregrina.

Para estes dous días festivos da fin de semana a imaxe da Virxe Peregrina lucirá traxe branco e mantón azul. Durante esta semana en curso a Confraría cambiou de traxe á Virxe en tres ocasiones. O que loce este venres 9 é o que durante anos utilizou para as procesións, en branco e dourado, e que foi un agasallo do toureiro Ángel Teruel.