A VI Reunión Coloniana distinguirá a Margarita Rodríguez Otero como Coloniana de Honra 2024.
Esta homenaxe entregarase na reunión que se celebrará o vindeiro sábado 9 de novembro ás 13.00 horas organizada pola Asociación Galicia Histórica e a Casa Museo de Colón de Poio.
O obxectivo do recoñecemento, que se entrega cada dous anos, é pór en valor e visibilizar as persoas investigadoras que cos seus estudos tratan de demostrar a tese que defende a orixe galega de Cristóbal Colón.
No que respecta a Margarita Rodríguez, trátase dunha muller nada en Monforte de Lemos en 1934 e que comezou a súa andaina política coas primeiras eleccións democráticas, chegando a ser concelleira, deputada provincial e autonómica.
Compaxinou o seu traballo habitual coa paixón de ser investigadora histórica.
Este labor intensificouse tras a súa xubilación, publicando dúas novelas históricas baseadas na teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, tituladas 'Os Documentos Fonterosa' e 'El secreto del Almirante'.
Antes de Margarita Rodríguez recibiron o Coloniano de Honra persoas como Alfonso Philippot, Enrique Barreiro, Roberto Taboada, Fernández Albor e Xosé Espiño Matos.
Tras a entrega da distinción na Casa Museo de Colón a xornada continuará cunha comida no restaurante Casa Laura de Campelo.