O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica do Concello de Poio, Gregorio Agís, e a ministra de Defensa, Margarita Robles, mantiveron un encontro en Ferrol para valorar a concesión demanial da illa de Tambo e analizar a evolución dos acordos que nela se recollen.
Gregorio Agís fixo participe a ministra dos documentos que se están elaborando, das figuras de protección que están en tramitación e dos traballos que se levaron a cabo na illa de Tambo de mantemento, mellora e desbroce.
Segundo informou o concelleiro "a ministra mostrou o máximo interese no Plan Director e Plan de usos" que se está desenvolvendo dende o concello e que permitirá recuperar e poñer en valor a illa dende a perspectiva ambiental, arqueolóxica e patrimonial.
Margarita Robles trasladou a "máxima colaboración" do Ministerio de Defensa para configurar un documento que permita fixar os obxectivos de recuperación e posta en valor e avanzar xuntos nese propósito.
O concelleiro agradeceu "a boa disposición e entendemento en todo o proceso" que propiciou que a concesión se fixese realidade podendo dispoñer neste momento de un espazo de gran interese natural, patrimonial e histórico "que merece ser ambicioso nos obxectivos".
Do mesmo xeito quedaron "emprazados" para seguir traballando para avanzar na transferencia definitiva da titularidade da illa pechando deste xeito todo o proceso.