Marga Caldas presenta o equipo co que aspira a ser a primeira alcaldesa na historia de Poio

Poio
06 de maio 2023

No seu discurso, Marga Caldas afirmou que "Poio é froito do traballo e do proxecto do BNG", que "é un exemplo de éxito e de bo traballo", cunha "idea clara" que é "poñer en valor o potencial de Poio e mellorar a vida das veciñas e veciños"

Marga Caldas, candidata do BNG á Alcaldía de Poio
Marga Caldas, candidata do BNG á Alcaldía de Poio

A candidata do BNG á Alcaldía de Poio, Marga Caldas, presentou este venres en Campelo o equipo e o proxecto nacionalista co que concorre ás próximas eleccións municipais.

Ademais de Marga Caldas, no acto, conducido pola número 13 da candidatura Iria Aboal, mestra e nova incorporación ás filas nacionalistas, interviñeron Raquel Rodríguez, actual concelleira de Cultura que destacou o avance do Concello de Poio neste ámbito, Carlos García (número 6), Raul Eirabella (14), Noa Fernández (7) e Montse Prado, vicepresidenta segunda do Parlamento Gallego e membro da executiva nacional do Bloque.

No seu discurso, Marga Caldas afirmou que "Poio é froito do traballo e do proxecto do BNG", que "é un exemplo de éxito e de bo traballo", cunha "idea clara" que é "poñer en valor o potencial de Poio e mellorar a vida das veciñas e veciños".

Destacou Caldas que "Poio é un Concello que crece da man do BNG" onde máis aumenta a poboación de toda a comarca, que ten a media de idade máis baixa e ademais é "xerador de emprego", dixo. 

"Todas as infraestruturas, melloras, espazos forman parte do proxecto do BNG", insistiu Marga Caldas que puxo de relevo algunha das actuacións máis destacables levadas a cabo nos últimos anos.

Por último, destacou "a ilusión, a capacidade de traballo e o proxecto necesario" que ten o seu candidatua "para facer que Poio continúe avanzando". 

"Nós imos a por todas", concluíu a candidata nacionalista.