Con motivo das obras de humanización da rúa Santa Clara, o Concello retirou o monumento dedicado a José Martí, fundador do Partido Revolucionario Cubano. Ano e medio despois, a pesar de que o goberno municipal anunciou que volvería colocalo, non foi así.
Por iso, Marea súmase á petición da asociación de veciños Río Lérez, que xa solicitou por escrito ao Concello que se repuxese a placa e a efixie retirada.
Marea lembra que, no seu día, o monumento foi inaugurado en presenza do cónsul de Cuba en Galicia, dos representantes dos grupos políticos municipais e dos veciños do barrio.
Agora, o regreso de José Martí ao ámbito de Santa Clara e á praza que leva o seu nome "segue esperando" e Marea considera que "o máis preocupante" é a falta de información sobre este asunto.
A formación denuncia que "nin sequera" se coñece a súa localización actual e "moito menos" a data na que será devolta ao lugar.