Nun estado de dereito "ninguén está por riba da lei", lembra Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra. Por iso, non entenden como a Xunta de Galicia "ignora e despreza" unha sentenza ditada polo Tribunal Supremo que ordena o cesamento de actividade de Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Os Praceres. Neste sentido, sinala que "non é de recibo" que estean a pensar en ampliar unhas instalacións "que deberían estar pechadas".
Referíase así Luís Rei á partida de máis de dous millóns de euros que o goberno autonómico incluíu nos orzamentos para 2016 para ampliar a EDAR e que serviría, dixo, para "perpetuar unhas instalacións que son insostibles".
Por iso, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) presentará unha emenda no Parlamento para que ese diñeiro se destine a elaborar un plan de peche e o deseño dunha alternativa para a depuración de augas residuais na ría. Así o anunciou o portavoz de Marea Pontevedra, acompañado en rolda de prensa por Yolanda Díaz, deputada de AGE, que acusou de "rebeldía" á Xunta por "non escoitar á Xustiza" e a unhas sentenzas "contundentes e brutais".
Tras cualificar como "aberrante" esta desobediencia do goberno galego, ambos sinalaron a necesidade de buscar un modelo "alternativo, eficaz e ecolóxico" que resolva o problema da depuración de augas residuais en Pontevedra, un sistema do que se benefician unhas 125.000 persoas na comarca. Debe ter, afirmaron, "menos custo económico e un menor impacto urbanístico".
Tanto o custo deste proxecto como os lugares nos que irían instaladas estas 'minidepuradoras' serían unha cuestión para resolver polos técnicos
Así, Luís Rei mostrouse partidario de que a EDAR de Praceres sexa substituída por plantas de menor escala "espalladas" por todo o municipio, sempre respectando a distancia mínima que, por lei, deben ter con respecto a vivendas habitadas, uns 200 metros que "en Praceres non se está a cumprir". En todo caso, tanto o custo deste proxecto como os lugares nos que irían instaladas estas 'minidepuradoras' serían unha cuestión para resolver polos técnicos.
Estas plantas deberían de ter encaixe, dixo, no novo PXOM e para o seu financiamento poderíase recorrer a fondos europeos. Se fora así, segundo o portavoz de Marea, poderíase acordar unha "moratoria" para a execución da sentenza do Supremo para que a EDAR de Praceres seguise dando servizo aos concellos da ría mentres non entrasen en funcionamento estas novas instalacións.
Ademais, Marea reclama que, para a construción de novas vivendas no municipio, inclúase como requisito que os inmobles conten cunha pequena depuradora de augas grises, que segundo esta formación teñen un custo duns 6.000 euros e que serían "asumibles" dentro do custo de construción. Para iso, AGE presentará tamén no Parlamento que a Xunta incorpore unha liña de axudas para potenciar este sistema doméstico de depuración.