Marea propón converter en gardería o edificio da Subdelegación de Defensa

Pontevedra
20 de outubro 2017

A próxima semana a portavoz de En Marea no Congreso dos deputados, Yolanda Díaz, poñerá en marcha diversas iniciativas na comisión de Defensa para desafectar este inmoble e incluílo no plan de racionalización das infraestruturas do Ministerio de Defensa

Subdelegación de Defensa
Subdelegación de Defensa / Mónica Patxot

Marea Pontevedra propón converter nunha escola de educación infantil o edificio das Palmeiras que actualmente ocupa a Subdelegación de Defensa. Este inmoble xa tivera ese uso durante seis anos como grupo escolar do concello ata o ano 1898.

O portavoz municipal de Marea Pontevedra, o concelleiro Luís Rei, presentou a iniciativa este venres en rolda de prensa acompañado do portavoz no Parlamento galego de En Marea, Luís Villares e a deputada e portavoz desta formación no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz.

No municipio de Pontevedra hai 2.067 nenos de entre 0 e 3 anos de idade e tan só existen seis escolas públicas. Para este curso houbo máis de mil peticións de praza que superan amplamente a oferta pública existente polo que quedaron fose máis de cincocentos menores.

Os máis de mil metros cadrados do edificio darían para acoller a un centenar de nenos, segundo as cocientes que aplica o consorcio Galiña Azul da Xunta de Galicia. 

Luís Rei instará o goberno local a que "asuma a súa responsabilidade neste asunto" para que "rescate" este edificio construído polo arquitecto Alejandro Sesmero "para o uso para o que inicialmente foi concibido". 

Paralelamente a próxima semana a portavoz de En Marea no Congreso dos deputados, Yolanda Díaz, poñerá en marcha diversas iniciativas na comisión de Defensa para desafectar este inmoble e incluílo no plan de racionalización das infraestruturas do Ministerio de Defensa.

Pola súa banda, Luís Villares adiantou que no Parlamento galego En Marea "unha vez desafectado" promoverá o cambio de titularidade deste edificio para que sexa patrimonio municipal e reclamará a dotación de medios e a súa inclusión na rede de escolas infantís da Xunta.

"É unha iniciativa moi necesaria porque a cidade está infradotada deste servizo", concluíu Villares.