Tras vinte anos nunha sede provisional, situada nos baixos do Pazo da Cultura, as dependencias da Policía Local precisan dun espazo adaptado ás súas necesidades. Así o entenden desde Marea Pontevedra, que prometen solucionar esta cuestión durante o próximo mandato municipal.
Luís Rei e Teresa Casal, candidatos ás eleccións municipais, mantiveron este martes unha xuntanza cos delegados sindicais da Policía Local para comprobar as condicións nas que traballan a diario nestas instalacións.
Despois da visita, Rei explicou que a sede actual non se adapta as necesidades básicas para que poidan facer o seu traballo "con dignidade", polo que advertiu que se a Policía Local funciona correctamente "é unicamente pola profesionalidade dos axentes".
As oficinas están situadas en corredores e a altura é, en moitos casos, inferior a das persoas que nelas traballan e o ximnasio está formado por dúas máquinas nunha sala sen ventilación. Ademais todas as instalacións teñen unha alta temperatura e condicións de humidade procedentes das filtracións de auga.
O voceiro de Marea Pontevedra comprometeuse coas traballadoras en garantir unhas condicións de traballo dignas e habilitar unha sede definitiva "que remate coa precariedade laboral que padecen actualmente".
Ademais do lugar de traballo tamén preocupa a continua tensión laboral que existe entre a Policía Local e o goberno municipal, ante a que o portavoz de Marea reclamou "diálogo, respecto e boa xestión".