Voces experimentadas e caras novas que achegan a "ilusión" e a "frescura" que demanda a cidadanía de Pontevedra. É o modo no que Marea describe a candidatura que encabeza o seu actual portavoz, Luís Rei, e que forman un equipo "transversal, comprometido e dinámico" pensado para gobernar a cidade tras o 26 de maio.
A asemblea de Marea Pontevedra, que xa escollera en primarias os dez primeiros postos da lista electoral, aprobou agora a candidatura ao completo que presentará aos inminentes comicios municipais.
A Luís Rei e a avogada Teresa Casal, ex tenente de alcalde en Pontevedra co PSdeG-PSOE, acompáñaos unha representación, segundo Marea, dunha multitude de sectores sociais, de realidades diversas e de persoas que representan todo o ámbito territorial do municipio.
Xunto a este "tándem" irán os nomes xa coñecidos do funcionario municipal Manuel Fontán, a orientadora laboral Peque González, o politólogo Jaime Acuña, a psicóloga Herminia Dios, o arquitecto Guillermo Casalderrey, o técnica socio-sanitaria Alicia Fernández, o dirixente veciñal Xosé Luís Vidal Laíño e a radióloga María Luisa Lores.
A eles súmase, por esta orde, o activista César Maquieira, a ex policía local María Teresa Narciso, o axente comercial David Carballal, a educadora viaria Helena Rodríguez, o adestrador Alberto Argibay, os activistas Rosina Hermida e Javier Pérez, a psicóloga Paula Piay, o enxeñeiro Aitor Caneda, a ecoloxista Sara Valenzuela, o economista Anxo Corbillón, a activista Cruz Villaverde, o mediador José Antonio Ramírez e a praceira Celia Abal.
A candidatura péchaa, no posto 25, a actual concelleira de Marea, Mari Carmen Moreira.