Marea Pontevedra propón a posta en marcha "urxente" despois das eleccións do 26 de maio dun plan de choque para a eliminación do risco de incendios forestais, limpeza e erradicación de especies inflamables na contorna de núcleos de vivendas, instalacións e infraestruturas.
Manuel Fontán e Peque González, terceiro e cuarta da lista de Marea Pontevedra para as municipais, presentaron este sábado unha batería de actuacións urxentes criticando que, ante este problema "as diferentes administracións están mirando para outro lado".
Entre outras propostas esta formación política sitúa a habilitación dunha franxa de 50 metros desde as vivendas, que inclúa plantacións, cultivos ou áreas gandeiras que sirvan de barreira de protección contra o lume.
Tamén impulsarán a creación dunha comisión de traballo cos axentes máis directamente involucrados, o inicio da retirada por zonas (lotes) da totalidade de especies máis combustibles instando á venta colectiva por lugares ou zonas en reunións cos diferentes axentes involucrados.