O grupo municipal de Marea Pontevedra ven de presentar unha moción para que o Concello de Pontevedra deixe de financiar indirectamente as touradas.
A formación que lidera Luis Rei lembra que o goberno local asina cada ano un contrato coa empresa da praza de touros nunha cantidade que aparece "camuflada" no capítulo 2, dentro da partida denominada "Festas populares-verán cultural". Aí se imputaron as cantidades de 42.500 euros en 2015, e de 38.500 euros en 2016, segundo os datos feitos públicos por En Marea.
Estas mesmas fontes informaron que o contrato réxese por un prego de condicións que inclúe o compromiso do Concello de correr co importe dos gastos orixinados pola organización dos actos, de satisfacer todos os impostos, arbitrios, taxas, contribucións e tributos que graven eses actos, de entregar á empresa as localidades do palco, e de ceder a explotación do servizo de bares e bebidas dos espectáculos que organice o Concello, que será por conta, a cargo e beneficio da empresa da praza; que, ademais, se reserva o dereito a bloquear, por dereito exclusivo e preferente, as datas da primeira quincena de agosto nas que organiza as corridas de touros da Feira da Peregrina.
Pola súa banda, o Concello obtén a cesión da praza fóra desas datas.
Deste xeito, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei entende que o Concello de Pontevedra "non fai todo o que está na súa man para rematar coa tortura animal na cidade" e que, incluso, "favorece que poidan festexarse estos espectáculos".
Finalmente para Luis Rei resulta "estraño" que o importe do convenio supoña unha cantidade que multiplica cinco ou seis veces o alugueiro tanto de prazas portátiles coma de prazas permanentes de grande aforo. "Isto invita a pensar que o que se presenta como un contrato de arrendamento é, en realidade, unha subvención encuberta das corridas de touros, un espectáculo por cuxa desaparición avoga boa parte da opinión pública".