Xa hai máis dun ano desde que o convento de Santa Clara pechou a súa actividade na Boa Vila. Concretamente foi o día 26 de setembro de 2017 cando recibimos a nova do peche dun ciclo histórico que perduraba máis de sete séculos na nosa cidade.
Marea Pontevedra amosa a súa "seria preocupación" polo futuro inmediato das instalacións e espazos conventuais e defende a apertura do "hortus conclusus".
Marea Pontevedra quere que este enorme espazo, ata agora agochado pola muralla do convento de Santa Clara, poda ser gozado pola cidadanía ampliando considerablemente o potencial turístico da zona monumental de Pontevedra.
Esta formación política segue insistindo en que o Concello de Pontevedra debe implicarse, xunto a outras institucións, na defensa do patrimonio artístico e monumental do Convento de Santa Clara e evitar que se poidan dilapidar ou deteriorar tanto a igrexa conventual como os edificios anexos.
Este xardín conta cunha superficie de 9.500 metros cadrados nos que podemos atopar viñedos, unha horta de autoabastecemento e unha gran variedade de árbores con moita historia, que abarcan desde castiñeiros ata secuoias.
Marea Pontevedra entende que para conservar un patrimonio único é indispensable que Xunta de Galicia, episcopado, Deputación e o propio Concello establezan os necesarios protocolos de actuación para que non se corra risco ningún de abandono dos elementos arquitectónicos e artísticos do convento.