Marea Pontevedra incorpora ao seu programa de goberno "as prioridades da comunidade xitana", que son: combater o fracaso escolar, emprego e inserción sociolaboral, erradicar o chabolismo e tamén erradicar a discriminación por causa étnica.
O candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei, acompañado dos membros da lista, Teresa Casal, Herminia Dios e César Maquieira, mantiveron este luns unha xuntanza coa coordinadora da Fundación Secretariado Xitano, María José Obelleiro, e a mediadora intercultural, Rebeca Flórez, onde coñeceron que o ano pasado traballaron con 205 familias e acadaron 127 insercións laborais.
A Fundación Secretariado Xitano (FSG) é unha entidade social intercultural, sen ánimo de lucro, que traballa desde fai máis de 35 anos pola promoción e a igualdade de oportunidades da población xitana en España e en Europa.
O Concello de Pontevedra, financia con 23.650 euros diversos programas de educación para a poboación xitana, que representa un 1% da poboación total do municipio (900, aproximadamente). Este financiamento supón menos do 0,03% do orzamento xeral do Concello, "manifestando que as políticas sociais inclusivas e de loita contra a discriminación na nosa Pontevedra non son unha prioridade na axenda do actual goberno", segundo entenden os membros de Marea.
Esta formación se compromete a "apostar por políticas sociais inclusivas, que faciliten o coñecemento da comunidade e cultura xitana, tanto no ámbito educativo coma no laboral e social para eliminar as situación cotiás de discriminación cara as persoas xitanas. Falamos dun problema de clasismo e de descoñecemento da cultura xitana que hai que abordar en profundidade coa elaboración e posta en marcha dun plan estratéxico de benestar social".