Marea Pontevedra incorpora a súa axenda política as demandas de AFAPO

Pontevedra
10 de abril 2019

Marea Pontevedra critica a falta de prazas públicas para atender a estas persoas. "Aínda sen ser competencia propia, o Concello como administración pública está obrigado a poñer os recursos públicos ao servizo das persoas máis vulnerables", aseguran dende esta formación

Visita dos membros de Marea Pontevedra ao centro de AFAPO
Visita dos membros de Marea Pontevedra ao centro de AFAPO / Marea Pontevedra

O voceiro e candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei, e as tamén candidatas, Herminia Dios e César Maquieira, mantiveron un encontro co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (AFAPO), José Manuel Fontenla, incorporando as súas demandas a súa axenda política.

AFAPO xestiona desde o ano 2012 o Centro de Día Alzheimer Pontevedra, que pertence á rede pública da Xunta de Galicia. Nos municipios de Marín, Poio, e Pontevedra unhas 6.000 persoas sofren demencia e unicamente hai unha oferta pública de 600 prazas o que provoca que a carga dos coidados caía nas familias, "dificultando a vida especialmente das mulleres e impedindo a creación de postos de traballo relacionados cos coidados", sinala Luis Rei.

Marea Pontevedra asume como "unha prioridade de acción de goberno" as políticas sociais inclusivas e a mellora na calidade de vida das persoas. Luis Rei afirma que é preciso poñer en marcha programas específicos de prevención da enfermidade do alzheimer e doutras demencias, en concreto programas de envellecemento activo para persoas sas, "e así evitar na medida posible e tamén retrasar o avance destas enfermidades", nun concello que, segundo datos do IGE, ten mais de 19.000 persoas maiores de 65 anos.

Marea Pontevedra critica a falta de prazas públicas para atender a estas persoas. "Aínda sen ser competencia propia, o Concello como administración pública está obrigado a poñer os recursos públicos ao servizo das persoas máis vulnerables", aseguran dende esta formación.

 

Arquivado en