Marea Pontevedra critica que BNG, PSOE e PP "van da man na maior parte dos temas"

Pontevedra
29 de decembro 2015

Cuestioina o acordo do Pleno da Corporación para pedir a axilidade das obras da autovía A-57, unha petición á que xa respondeu o Consello de Ministros dando luz verde á contratación do primeiro tramo do proxecto e que para este movemento cidadán "pon máis unha vez de manifesto que os tres grupos representados na actualidade na Corporación van da man na maior parte dos temas"

Visita de Marea Pontevedra aos terreos afectados pola autovía A-57 en compañía de 'Salvemos a Fracha'
Visita de Marea Pontevedra aos terreos afectados pola autovía A-57 en compañía de 'Salvemos a Fracha'

Marea Pontevedra critica o acordo acadado no Pleno da Corporación municipal de Pontevedra para pedir a axilidade das obras da autovía A-57, unha petición á que xa respondeu o Consello de Ministros dando luz verde á contratación do primeiro tramo do proxecto e que para este movemento cidadán "pon máis unha vez de manifesto que os tres grupos representados na actualidade na Corporación van da man na maior parte dos temas".

O acordo plenario adoptouse a proposta do Partido Popular e contou co apoio do BNG e do PSOE. Ante a súa adopción, Marea Pontevedra critica a simbiose entre os tres partidos "sen importarlles os incumprimentos legais".

Marea lembra as máis de 15.000 sinaturas contra a A-57 recollidas xa pola plataforma 'Salvemos a Fracha' contra o proxecto da A-57 e amosa a súa "estrañeza" coa "insólita celeridade" coa que só catro días despois dese acordo o Consello de Ministros fixo efectiva esa demanda.

Dentro da súa rolda de contactos con distintos colectivos veciñais e sociais, Marea Pontevedra visitou nos últimos días os lugares sobre os que discorre o trazado proxectado polo Ministerio de Fomento para a autovía A-57 ao seu paso polo termo municipal de Pontevedra, desde o límite co concello de Vilaboa ata o lugar da Ermida, na parroquia de Marcón. Varios integrantes do movimento cidadá acudiron acompañados da coordinadora de 'Salvemos Fracha'

Lembra a "insólita celeridade" coa que só catro días despois o Consello de Ministros fixo efectiva a demanda

Na súa opinión, este tramo de 6,48 quilómetros de lonxitude é demasiado exterior para que, en efecto, poida ser considerado unha circunvalación -tal e como o vende Fomento-, e causará danos (social, patrimonial e ecoloxicamente) moito maiores ca os seus pretendidos beneficios.

O percorrido sobre o terreo serviu para comprobar como o corredor proxectado esgazará o territorio, segundo este colectivo, con taludes no Monte Loureda e no lugar de Pintos de ata sesenta metros de altura (un edificio de 17 andares). Tamén se viu que os desmontes castigarán o rico patrimonio histórico da zona, coma o Castro da Farexa, ou a Mámoa e petróglifo de A Román, e terán efectos "devastadores" sobre a hidroloxía, alterando ríos (Pintos ou Gafos), ducias de mananciais e centos de pozos de regadío da zona rural colindante.

Ademais, denuncian que a A-57 afectará negativamente á paisaxe, os usos de esparcemento e lecer da veciñanza e, asemade, os montes comunais das parroquias de Vilaboa, Figueirido, Bértola, Tomeza  Marcón.