O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, presentou as alegacións ao anteproxecto e o estudo impacto ambiental para o proxecto de dragaxe da canle de acceso ao porto de Pontevedra no Río Lérez, que calificou como "perigoso e inútil" porque "falamos dunha actuación moi agresiva e custosa que non soluciona ningunha problemática, pois o río seguirá sedimentando nas mesmas zonas mentres non circule polo seu cauce natural".
Marea Pontevedra dí que o Concello de Pontevedra ten 5 quilómetros de fachada marítima que contan con "numerosas agresións ambientais" na desembocadura do río Lérez (enlace da AP9, edificio da Garda Civil, porto deportivo, naves da administración provincial na Xunqueira de Alba, gasolineira e edificios da ponte do Burgo, verteduras directas entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes e cocheiras do ministerio de Fomento), e sete máis cara á boca da ría (autovía a Marín, cocheiras de Monbus, macronudo-rotonda da AP9, complexo Ence-Elnosa, liña ferroviaria, recheos do porto, xunqueira de Gandarela).
A propia Comisión Europea lanzou a voz de alarma polo proceso de deterioro que padecen a Ría de Pontevedra e o río Lérez, recordan desde Marea.
Para os membros desta formación, "en lugar de abordar estes impactos e reverter a situación desde Portos de Galicia formúlase unha dragaxe (un total de 3.200 metros lineais) na canle de acceso a un porto deportivo "de escasa utilidade".
"Dragar é caro, inútil e contraproducente. Dragar os ríos implica gravísimos danos para o ecosistema; entre outras razóns, porque o río non só é a auga que se observa. Se o que se quere é limpar o río, as enchentes son as que limpan. E se existen construcións de dubidosa legalidade ou de impacto ambiental grave o que cómpre é desmantelalas", engaden.
Os membros da Marea consideran que este é un proxecto "con beneficio directo unicamente para unha entidade cun rendemento económico que non pode xustificar ningunha medida cun custo económico e de impacto ambiental das características do proxecto que se expón", din en referencia ao Club Náutico de Pontevedra.
Ademáis engade este grupo político que a zona destinada no proxecto á colocación de residuos sitúase no interior da ría de Pontevedra, en Campelo e suroeste de Tambo, espazos onde se xeran importantes recursos pola presenza dos bancos marisqueiros do fondo da ría. "A finalidade dun proxecto no río e na ría que pretenda lograr uns obxectivos ambientais sempre tería que prever a recuperación desas zonas, non dalas por perdidas e verter sedimentos sobre elas", sosteñen.
Coma remate din que no medio socioeconómico, o impacto da incorporación da illa de Tambo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas "produciría beneficios económicos de maior rendemento na actividade turística que non se teñen en conta, como tampouco se ten en conta que a recuperación futura das zonas contaminadas produciría un beneficio económico na actividade pesqueira marisqueira", conclúe Marea Pontevedra.