Marea Pontevedra confía nunha maioría que lle permita acadar a alcaldía para renovar a política local

Pontevedra
06 de abril 2019

A formación que lidera Luís Rei presentaba este sábado na Casa da Luz a listaxe que presenta aos vindeiros comicios municipais con Teresa Casal como número 2 e Manuel Fontán no terceiro posto da candidatura

Presentación da candidatura de Marea Pontevedra
Presentación da candidatura de Marea Pontevedra / PontevedraViva

Decenas de persoas asistiron este sábado 6 ás instalacións da Casa da Luz para participar na presentación oficial da candidatura de Marea Pontevedra para as vindeiras eleccións municipais, que se celebrará o 26 de maio.

O cabeza de lista da formación, Luís Rei, dirixíase aos asistentes afirmando que o proxecto que lidera está pensado para maiorías, co obxectivo de defender con alegría e con espíritu renovador a política local. A formación aposta pola renovación, a ecoloxía e polas propostas alternativas.

Rei indicou que durante este mandato exerceron como líderes da oposición malia que non lles correspondía por número de concelleiros. Destacou o contacto que manteñen coa cidadanía para elaborar as propostas que se inclúen en Camiño 19, o programa para gobernar Pontevedra.

Segundo explicaba Luís Rei durante este acto, encabeza o mellor equipo de goberno que Pontevedra pode ter, con Teresa Casal ocupando o segundo posto e con Manuel Fontán asumindo o terceiro lugar da listaxe.

Neste sentido, Teresa Casal criticou que o Concello se teña convertido nunha noria, que só dá voltas ao modelo de cidade. A representante de Marea Pontevedra aposta por un Concello inclusivo e xusto. Pola súa parte, Manuel Fontán anunciou que comeza un novo tempo, con xente do común que desprazará os políticos de toda a vida.

Tamén participou no acto a actual concelleira de Marea Pontevedra, Mari Carme Moreira, que ocupará o último posto da candidatura. Ela amosou a súa satisfacción por ter aprobado a renda social durante este mandato para axudar as persoas con menos recursos económicos.

Arquivado en