Varios integrantes de Marea Pontevedra colgaban este martes un tear de grandes dimensións no que se lía 'O Hospital non se vende' na cuberta de entrada ao Hospital Provincial. Luís Rei, portavoz da agrupación política, acompañado por Mariquiña Lores e por Teresa Casal manifestaba que levaban a cabo esta intervención ante o centro sanitario para reclamar o mantemento do uso sanitario cando se execute o proxecto do Gran Montecelo.
Rei denuncia que o PP, co visto e prace do goberno do BNG, quere impulsar a concentración de asistencia hospitalaria no centro de Pontevedra en mans dun grupo da sanidade privada. Afirma que o Gran Montecelo contempla 660 camas, só 60 máis das que actualmente suman o Provincial e Montecelo. Por iso, entenden que é necesario que este centro sanitario situado no centro da cidade continúe sendo unha alternativa sanitaria e que non se converta nunha residencia xeriátrica, como planifica a Xunta de Galicia.
O portavoz de Marea Pontevedra cre que é necesario ampliar o número de prazas de atención a persoas maiores pero esa opción, ao seu entender, pasa por salvar o asilo de Pontevedra, que conta cun espazo de 13.000 metros cadrados de zonas axardinadas e de expansión.
Mariquiña Lores alertou de que o 80% das residencias para a terceira idade son privadas e que as públicas contan con fondos de investimento estranxeiros. Denuncia que para ese proxecto residencial nestes terreos só se van a utilizar 5.000 metros cadrados e anunciou que "temen un pelotazo co Provincial e despois co asilo".
A proposta de Marea Pontevedra contempla crear un centro de primaria, un PAC e hospitais de día no actual Hospital Provincial. A radióloga e activista de SOS Sanidade Pública afirma que a pesar do investimento previsto pola Consellería de Sanidade de 140 millóns no Gran Montecelo, ese diñeiro só repercutirá nun incremento de 60 camas e en pagos millonarios para os concertos con hospitais privados.
Durante a instalación da pancarta, un integrante do dispositivo de seguridade do centro hospitalario e un responsable administrativo preguntaron se a formación política había solicitado permiso para esta acción. Luís Rei sinalou que carecían de autorización pero que o acto non interfería na actividade ordinaria do Hospital Provincial.