Marea pide corrixir a "eiva" das festas de Pontevedra e facelas "máis inclusivas"

Pontevedra
01 de marzo 2019

Máis de 8.000 pontevedreses, segundo os datos da Xunta de Galicia, teñen algunha discapacidade sensorial, motora ou cognitiva. É un de cada dez cidadáns de Pontevedra e para eles, denuncia Marea, as festas non son iguais que para os demais polas dificultades que atopan para poder gozar das actividades que se programan

Teresa Casal, César Maquieira e Herminia Dios
Teresa Casal, César Maquieira e Herminia Dios / Victoria Regueira

Máis de 8.000 pontevedreses, segundo os datos daXunta de Galicia, teñen algunha discapacidade sensorial, motora ou cognitiva. É un de cada dez cidadáns de Pontevedra e para eles, denuncia Marea, as festas non son iguais que para os demais polas dificultades que atopan para poder gozar das actividades que se programan.

Teresa Casal, número 2 de Marea para as municipais, denunciou que o Concello "non conta" coas persoas con discapacidade para participar ou gozar das súas festas, a máis inminente o Entroido. Así o asegurou acompañada de Herminia Dios, coordinadora da área social da formación e de César Maquieira, activista pola mobilidade universal.

A ex tenente de alcalde lamentou que haxa persoas que non poida acudir a parte dos eventos que se celebran en Pontevedra, polo que reclamou un esforzo por parte do goberno municipal para que a cidade sexa "accesible e inclusiva" para todos os seus habitantes.

Herminia Dios, pola súa banda, lembrou que as persoas con discapacidade "non son cidadáns de segunda", xa que "teñen os seus dereitos e estamos obrigados a garantirllos", para evitar que aqueles que teñan necesidades especiais "non queden fóra das festas".

Así, apunta que o programa das festas, imitando a outras localidades como Bilbao, conte coa súa propia tradución ao braille ou que conteñan pictogramas. Ademais, Marea reclama que se inclúa información que permita saber se as persoas con estas necesidades poden participar nos eventos programados e en que condicións.

Entre as súas peticións, Marea inclúe que nos desfiles de Entroido, Reis Magos ou na Batalla de Flores se habiliten espazos específicos para que os pontevedreses con mobilidade reducida poidan velos desde primeira fila, xa que o sistema actual é "inviable" para eles; ou que nos concertos de verán se instalen plataformas máis accesibles e baños que estean adaptados.

César Maquieira lembrou que o Concello debe promover iniciativas que sexan inclusivas "e non segregacionistas" para evitar a "desconexión" que padecen actualmente moitas persoas, apostando por unha inclusión "que sexa real".

"Unha cidade ten que ser para todos", lembrou Teresa Casal, que defende que todos os pontevedreses "estamos orgullosos" da cidade, mentres que o actual alcalde "non quere a todas as persoas de Pontevedra" como demostra, dixo, o seu desinterese por este colectivo.

Arquivado en