Marea Galeguista defende a recuperación a AP-9 en lugar de construír a autovía A-57

Pontevedra
06 de xullo 2020

O candidato á Xunta, Pancho Casal, mantivo unha reunión, xunto con compañeiros da súa candidatura, cunha representación dos veciños de Marcón afectados polas obras da autovía

O candidato á presidencia da Xunta pola Marea Galeguista, Pancho Casal, reuniuse con veciños de Marcón afectados pola A-57
O candidato á presidencia da Xunta pola Marea Galeguista, Pancho Casal, reuniuse con veciños de Marcón afectados pola A-57 / Marea Galeguista

O candidato á presidencia da Xunta de Marea Galeguista, Pancho Casal, reuniuse este luns, acompañado por outros membros da súa candidatura, con veciños de Marcón afectados polas obras da A-57.

Despois de escoitar sobre o terreo as queixas dos veciños, Casal denunciou que "esta barbaridade da A-57 lévanos a pensar que os partidos que gobernan Galicia desde hai 40 anos non están no século XXI. Era nos anos cando 80 cando se facían este tipo de infraestuturas absurdas. Isto é unha barbaridade; polo atentado ecolóxico e por non contar coa opinión dos veciños".

A número da candidatura por Pontevedra, Peque González, asegurou que "a cidade mirou cara outro lado neste problema e a Marea Galeguista é a única opción política que está en contra desta aberración ambiental".

A alternativa a esta nova estrada téñena clara en Marea Galeguista. "O que hai que facer é recuperar a AP-9 e facela pública. Non pode ser que se faga unha autovía paralela á AP-9 gastando cartos para mellor dos grandes construtores", propón Casal, quen reclama tamén outro tipo de servizos para a cidadanía.

"O que precisan é educación, coñecemento, e servizos sociais. Estamos gastando deceas de millón de euros en obras que no serven para nada", rematou.