O candidato á presidencia da Xunta por Marea Galeguista, Pancho Casal, denunciou que "o futuro da ría de Pontevedra pasa polo peche de ENCE e a consecuente creación de miles de postos de traballo sostibles ambientalmente".
Desde Marea Galeguista queren garantir os dereitos dos traballadores da fábrica "e pensamos que xestionándoo correctamente tamén eles sairían favorecidos".
Nun acto electoral celebrado este martes na praia de Lourido, fronte á fábrica de Ence, Pancho Casal criticou o que cualificou como "prórroga ilegal" do Goberno de Mariano Rajoy da concesión a ENCE e anunciou que esixirán ao Goberno do Estado, "a revisión de oficio da autorización de prórroga para viabilizar a retirada da fábrica da ría de Pontevedra".
Para Casal "ENCE condiciona a política forestal da Xunta de Galicia" e asegurou que se "están plantando eucaliptos en zonas de terra fértil que se podería empregar para alternativas rendibles e sostibles".
SANEAMENTO INTEGRAL DAS RÍAS
Pancho Casal reivindicou o "saneamento integral das rías", unha cuestión á que a Marea Galeguista dará prioridade desde o Goberno galego para "completar a rede de saneamento, renovar instalacións obsoletas, garantir o efectivo funcionamento das estacións depuradoras existentes, reforzar a actividade inspectora en instalacións publicas e privadas e reducir os puntos de vertedura ilegais".
O candidato por Marea Galeguista estivo acompañado pola cabeza de cartel por Pontevedra, Peque González, que citou un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente que reflicte que "máis da metade das zonas de baño de España con mala calidade das augas atópase en Galicia e o 87% das zonas de marisqueo presentan contaminación fecal", sinalou González.
Para a pontevedresa, este dato ilustra a persistencia dun "problema que afecta o potencial marisqueiro, pesqueiro, turístico e recreativo das nosas rías".