O grupo municipal de Marea Pontevedra vai presentar "en tempo e forma", alegacións á licitación da concesión do servizo de abastecemento de auga e saneamento. O actual contrato de xestión indirecta do servizo, coa empresa Viaqua, remata a súa vixencia tras 20 anos de concesión.
O voceiro de Marea, Luis Rei, lembra que ao BNG (daquela na oposición) lle parecía excesivo en 1997 o tempo desta concesión, cando o alcalde Juan Luis Pedrosa asinou o correspondente contrato con Aquagest (logo Viaqua). Agora, en cambio, o portavoz do goberno anunciou que os pregos de licitación do novo contrato de auga van establecer esa mesma duración de vinte anos, que "limita en extremo a capacidade de manobra nese terreo de ata cinco novas corporacións municipais".
Marea Pontevedra quere que se prorrogue a concesión deste servizo para que de tempo a estudar a viabilidade de rescatar a súa xestión, co propósito de asumila directamente, "priorizando o interese da cidadanía fronte aos das macroempresas".
Luís Rei defendeu as vantaxes de prorrogar durante un tempo limitado que permita marxe de manobra á vindeira corporación municipal no seu convencemento dos beneficios da xestión directa dos servizos públicos.
Xunto a Luis Rei compareceu a concelleira non adscrita do concello de Poio, Silvia Díaz, que presentará unha moción no seu concello para avanzar na idea de "mancomunar" este servizo de augas.
En Marea Pontevedra amósanse convencidos de que a remunicipalización será "a maneira de universalizar por fin o abastecemento de auga e do saneamento", dos que agora están excluídas centos de casas das parroquias da periferia do concello e ademáis permitirá establecer unha "tarificación adaptada", premiando o aforro no consumo e penalizando o malgasto.