Marea advirte que o Gran Montecelo "asestará unha nova estocada" á sanidade pública

Pontevedra
21 de novembro 2018

O Gran Montecelo, a denominación que usa a Xunta para definir o novo CHOP, non ampliará "significativamente", segundo Marea Pontevedra, a capacidade de atención sanitaria do complexo. Supón, denunciaron este mércores en rolda de prensa, "asestar unha nova estocada" á sanidade pública

María Luisa Lores e Luis Rei, no Concello
María Luisa Lores e Luis Rei, no Concello / PontevedraViva

O Gran Montecelo, a denominación que usa a Xunta para definir o novo CHOP, non ampliará "significativamente", segundo Marea Pontevedra, a capacidade de atención sanitaria do complexo. Supón, denunciaron este mércores en rolda de prensa, "asestar unha nova estocada" á sanidade pública.

Luís Rei, que estivo acompañado de María Luisa Lores, membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, asegurou estar "preocupado" polo futuro que se "albisca" para a atención sanitaria en Pontevedra, á vista do Plan Funcional do Gran Montecelo ao que aseguraron ter acceso recentemente.

Así, o portavoz de Marea sinalou que a pesar do gran investimento previsto o aumento de camas é "insignificante", ao pasar de 600 a 660, a pesar de que o hospital atende a unha área de máis de 300.000 persoas e prevese un envellecemento progresivo da poboación, o que multiplicará as necesidades de atención.

Ademais, criticou a "privatización" dos aparcadoiros previstos en Montecelo, a ausencia dun sistema público de transporte e a "desaparición" do uso sanitario do centro de especialidades de Mollavao e do Hospital Provincial.

Esta última cuestión, segundo Luís Rei, fará o "caldo gordo" á sanidade privada, ao deixar nas súas mans a atención sanitaria no centro da cidade de Pontevedra.

Ante iso, o líder de Marea criticou a "falta de liderado" do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e pregúntase se Rafa Domínguez, chegado o caso, "defenderá os intereses públicos ou privados" da compañía na que traballa.

María Luisa Lores explicou que o Plan Funcional do Gran Montecelo " non é o que se necesitaba" e deixará en mans privadas a actividade asistencial da área sanitaria de Pontevedra. "Aínda estamos a tempo de cambialo", sinalou.

Entre outras carencias, a portavoz da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública alertou que non se contemplan camas para críticos, redúcense as camas de trauma "que son as que máis lle interesan á sanidade privada", mantéñense os concertos de limpeza ou do almacén loxístico, non haberá fertilización in vitro ou a radioterapia que, segundo denuncia, "será de xestión privada".

Arquivado en