Marcos Conde, cunha candidatura de consenso, renovará como secretario comarcal da CIG

Pontevedra
09 de xuño 2017

Este sábado 10 no Pazo da Cultura vai celebrarse a VII Asemblea comarcal do sindicato nacionalista CIG que segue a apostar polas reivindicacións dos dereitos dos traballadores na rúa

Marcos Conde e Rosa Abuín, de CIG
Marcos Conde e Rosa Abuín, de CIG / Mónica Patxot

Marcos Conde ocupará durante catro anos máis o cargo de secretario comarcal do sindicato CIG en Pontevedra unha vez que os afiliados respalden a súa candidatura, única que se presenta á asemblea comarcal da central nacionalista que se celebrará este sábado 10 a partir das 09.30 horas no Pazo da Cultura. 

Marcos Conde e Rosa Abuín sinalaban nesta xornada previa que se lograra unha candidatura de consenso derivada dun traballo coordinado ao longo destes últimos anos. 

Nesta sétima asemblea vai votarse o consello confederal cunha candidatura que encabeza Marcos Conde, acompañado por Diana Rodríguez, Rosa Abuín, Xosé Nogueira e Anxo Lúa. Ademais haberá unha votación para escoller a executiva comarcal, onde a única lista tamén conta con Marcos Conde e Rosa Abuín, ademais de David Couñago, Francisco Ferradas, Lois Nodar, Soedade Fernández e Fernando Romero.

Conde apuntaba que no último período de eleccións sindicais, a CIG converteuse en primeira forza en número de delegados na comarca, superando en 101 á UGT, que antes lideraba esta estatística.

A central nacionalista conta actualmente con 6.236 afiliados na comarca, unha circunstancia que, en palabras do secretario comarcal, permite que teña independencia económica e, deste xeito, non estar supeditado a subvencións para levar a cabo o traballo do día a día.

Á asemblea deste sábado invitaron a representantes do goberno local e a parlamentarios que teñen presentado as súas iniciativas, ademais de representantes de colectivos cos que "compartimos megáfono". Pola contra, non realizaron invitación a UGT nin a Comisiones Obreras aos que acusan de realizar políticas de pactos sociais, diferentes ás accións de rúa que o sindicato nacionalista quere seguir mantendo para defender os dereitos da clase traballadora, indicaron os responsables comarcais desta forza.