O Concello de Poio vén de adxudicar á empresa Marconsa SL as obras pendentes para a finalización da actuación integral de mellora da mobilidade e da seguridade viaria no núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán.
Inicialmente este proxecto foi levado a cabo por Nexia Infraestruturas pero se viu paralizado polo cese repentino de actividade desta empresa. Isto obrigou á administración local a rescindir o contrato e volver a reiniciar o proceso de licitación para a acometida dos traballos pendentes.
A proposta de adxudicación foi aprobada na última sesión da Xunta de Goberno, que tivo lugar o pasado martes 2 de marzo. Un total de oito entidades presentáronse a este concurso. O orzamento ascende a 289.533 euros, IVE engadido, para unha actuación que non só se limitará a completar as obras que quedaron pendentes de facer por parte de Nexia, senón que tamén incorpora algunhas melloras a maiores.
En principio, o prazo de execución contemplado será de seis meses.
A tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras e Servizos, a socialista Chelo Besada, lembra que aínda quedan cuestións moi importantes que abordar como os pontóns existentes nesta rúa.
Nun deles procederase á instalación dunha pasarela voada para facilitar o tránsito peonil, mentres que na segunda ponte se procederá á súa demolición, para a construción dunha nova con oito metros de anchura, tal e como consta no proxecto técnico.
Tamén está pendente a rehabilitación da rede de saneamento nunha extensión de preto de 300 metros. Ademais, habilitarase un colector de pluviais, de 40 metros de longo na zona máis próxima á Seca.
A velocidade, asemade, quedará reducida a 30 quilómetros por hora e se continuará coa aposta da plataforma única e a dotación de empedrado.
"É unha actuación moi respectuosa coa contorna, que ten en conta as características das vivendas que existen neste núcleo", sinala a teniente de alcalde.
Chelo Besada confía en que os traballos se inicien canto antes e agradece a paciencia e comprensión dos veciños ante unha demora na execución final do proxecto "que é totalmente allea ao Concello".
Polo que respecta ao resto de actuacións que Nexia deixou pendentes en Poio, actualmente xa están reiniciados os traballos de construción do novo vial da Caeira e se está a ultimar a licitación da mellora da rúa Lameiriña, en Raxó, cun proxecto "máis ambicioso" que o orixinal.