A Policía Local de Pontevedra activou o plan especial de tráfico e mobilidade pola celebración do Campionato de Europa de Ciclocrós.
A competición en si terá lugar do venres 1 de novembro ao domingo día 3, pero as restricións comezaron este luns 28 de outubro.
Estas limitacións afectan especialmente o campus universitario, xa que desde este mesmo luns prohibiuse o estacionamento de vehículos nos seus principais viarios.
Será así até o luns 4 de novembro.
Ademais se restrinxirá a circulación na Avenida de Bos Aires no tramo entre a ponte dos Tirantes e a ponte das Palabras, en Monte Porreiro.
Neste caso o peche ao tráfico non será total, senón que se permitirá o paso soamente a residentes entre o 31 de outubro e o 1 de novembro.
A zona estará ademais habilitada como espazo reservado para aparcadoiro de vehículos da organización.
Ao concidir o dispositivo con outro evento como a última proxección do mes de outubro no marco dos Premios Feroz, na Facultade de Comunicación, o Concello de Pontevedra aconsella os seus asistentes que acudan a pé ou que estacionen o seu vehículo no Recinto Feiral.