Marcha do BNG contra os parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas

Cerdedo-Cotobade
27 de abril 2022

A convocatoria desta protesta está prevista para o domingo 22 de maio ás 12.00 horas na praza do Concello de Cerdedo-Cotobade. Desde a formación nacionalista demandan a presión social para evitar esta actuación ao considerar que  impacta sobre a paisaxe e provoca a perda de biodiversidade

Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, anuncia a protesta do 22 de maio contra os proxectos eólicos
Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, anuncia a protesta do 22 de maio contra os proxectos eólicos / BNG

Os portavoces municipais do BNG en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Ernesto Filgueira e Roberto Jorge Correa, acompañados por integrantes da formación nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade anunciaban este mércores a convocatoria dun acto de protesta contra a instalación dos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas.

Filgueira afirma que estes dous parques terían unha "afectación brutal" no territorio, ao atoparse cos muíños de vento pegados a vivendas e coa afectación ás augas. O representante nacionalista considera que os dous parques comparten infraestruturas e, na práctica, conforman "un único proxecto industrial". Sinalou, neste sentido, que se tramitan de forma dividida para esquivar os estudos de impacto ambiental.

Sinala, ademais, que nun espazo pequeno do territorio acumularanse os parques eólicos de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III provocando un impacto sobre a paisaxe e a consecuente perda de biodiversidade coa creación de infraestruturas necesarias para dar servizo a estes elementos eólicos.

Por este motivo, fan un chamamento á veciñanza para participar na protesta convocada para o domingo 22 de maio a partir das 12.00 horas na Praza do Concello de Cerdedo-Cotobade. Aseguran que existe un gran rexeitamento social a estes proxectos desde plataformas veciñais, comunidades de montes e entidades sociais ao considerar que os proxectos son un intento de agresión ao territorio.

Arquivado en