Marca histórica de noites de estadía hoteleira no mes de xullo en Sanxenxo

Sanxenxo
24 de agosto 2022

Segundo informa o Concello de Sanxenxo, os datos do INE revalidan o posicionamento turístico do municipio que supón o 36,4% das pernoctacións de Pontevedra e o 15,6% de Galicia

Persoas que asisten a un acto en xullo de 2022 en Sanxenxo
Persoas que asisten a un acto en xullo de 2022 en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

203.419 estancias rexistráronse durante o mes de xullo en hoteis de Sanxenxo, un 3% máis que o dato rexistrado durante ese mesmo mes no ano 2019, antes do período pandémico.

Son cifras ofrecidas polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que, segundo o Concello de Sanxenxo, confirman os datos que xa manexaba o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) e de Turismo Rías Baixas.

Desta forma, o Concello manifesta a súa satisfacción por continuar sendo o líder, cun novo rexistro récord, en destino turístico dentro da provincia e en Galicia durante o sétimo mes do ano.

A vila obtivo un 36,4% das estadías de Pontevedra (que suma 558.917) e o 15,6% das de Galicia (1.305.670). Con estes resultados, o municipio incrementa en dous puntos a súa representatividade en relación a outros anos.

Nestas estatísticas prescíndese das estancias en vivendas turísticas e en segundas residencias. Tampouco se teñen en conta os datos que ofrecen pensións ou cámpings. 

O Concello de Sanxenxo duplicou os datos en xullo de Vigo, que obtivo 99.645 estancias. Tamén superou á capital de Galicia porque Santiago de Compostela, a pesar das celebracións relacionadas co Ano Xacobeo, queda en 181.156 pernoitas.

O incremento de viaxeiros é tanto nacional con 50.321 persoas e internacional, con 9.435, fronte aos datos de 2019 nos que se rexistraban 42.850 visitantes nacionais e 7.375 estranxeiros.