Mar sitúa a dragaxe do Lérez entre as súas actuacións prioritarias para 2025

Pontevedra
18 de outubro 2024

Os outros dous proxectos de maior calado serán a construción de departamentos para mariñeiros nos portos de Sanxenxo e de Combarro, para os que se reservan 550.000 e 1,1 millóns de euros

Alfonso Villares presenta os orzamentos de Mar para 2025 no porto de Sanxenxo
Alfonso Villares presenta os orzamentos de Mar para 2025 no porto de Sanxenxo / Xunta de Galicia

Ata 5,2 millóns de euros prevé investir a Consellería do Mar en tres actuacións de mellora nos portos de titularidade autonómica da contorna de Pontevedra durante o ano 2025.

Así o anunciou o conselleiro Alfonso Villares en Sanxenxo, onde acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, avanzou as principais liñas de traballo para o próximo ano.

A prioridade, reiterou o titular de Mar, será a dragaxe do río Lérez e a canle de acceso ao porto de Pontevedra, para a que a Xunta de Galicia reservará 3,6 millóns de euros

Será unha partida plurianual que responde aos tempos de tramitación preceptivos, que neste caso virán condicionados pola necesaria autorización por parte do Goberno central dun punto de depósito para os áridos que se extraian da dragaxe.

Os outros dous proxectos de maior calado serán a construción de departamentos para usuarios do sector profesional nos portos de Sanxenxo e de Combarro, para os que se reservan 550.000 e 1,1 millóns de euros, respectivamente.

Villares explicou que en Sanxenxo construiranse catorce departamentos en dúas aliñacións, separados por unha rúa e situados nunha superficie duns 300 metros cadrados que actualmente está destinada parcialmente a acumular o material dos mariñeiros.

O obxectivo desta actuación será dotar ao sector profesional dun espazo para gardar as súas redes, nasas e demais elementos "e á vez, xerar un maior orde visual na zona", engadiu.

Ademais destas partidas para obras singularizadas, os orzamentos de Mar recollerán investimentos xerais para a dotación de luminarias LED en peiraos, para novas capas de pavimentos e firmes nos portos ou para a mellora das instalacións náuticas.