A Consellería de Mar confía en que as actuacións que están a realizar para mellorar o saneamento da Ría de Pontevedra e a remisión da enfermidade que sufriu o berberecho nos últimos anos axude a que se consiga "volver aos bos anos de marisqueo" nos bancos da ría pontevedresa. Así o asegurou a conselleira deste departamento, Rosa Quintana, despois de manter un encontro con representantes da cofradía San Telmo.
No encontro estiveron o patrón maior, César Rodríguez, o secretario da cofradía e varios representantes da asociación de mariscadores. Rosa Quintana explicou que falaron de pasado, de presente e, sobre todo, "de moito futuro" do sector marisqueiro e a súa conclusión é que "cremos que Pontevedra, Raxó e Lourizán teñen unhas potencialidades para volver ser o que foron".
A conselleira lembrou os temporais dos tres últimos anos e a enfermidade do berberecho, que "supuxo un varapau económico importante", pero confía que agora "coa produción que está habendo e as actividades de mellora no saneamento" mellorará a actividade.
En relación coa enfermidade do berberecho, provocada polo parásito marteilia cochillia, celebrou a "boa noticia" de que o patrón maior confirmou que nos bancos de marisqueo a flote xa atoparon berberecho de talla comecial e xa o estiveron vendendo durante todo este tempo.
Ademais de asegurar que desde Mar se vai apostar pola profesionalización do marisqueo que empezou hai xa máis de 20 anos, no ano 95, a conselleira indicou que "se están cumprindo os prazos" de todos os proxectos que vai acometer a Xunta na Ría de Pontevedra para mellorar o saneamento, pois o problema na zona de Cocheiras "está resolto" e está prevista unha reunión neste mes de setembro para falar da futura depuradora de Poio. En relación co emisario, xa está completada a batimetría que había que facer.