A Policía Nacional investiga unha brutal agresión acontecida na madrugada da pasada fin de semana en Mourente, tras rematar a Festa do Caldo.
Manuel Temes, a vítima, sufriu graves lesións tras ser atacado, xunto a un amigo, por tres homes que, segundo afirma, residen en Monte Porreiro.
Os feitos ocorreron entre as 3:30 e as 4:00 horas da madrugada, cando Temes e un amigo regresaban ás súas casas unha vez que finalizara a festa na parroquia.
Segundo relata a vítima a PontevedraViva, o incidente comezou antes nun bar de Mourente: "Eles entraron no bar dicindo que eu vira o cu á moza dun deles. Comezaron a meterse comigo pero eu non fixera nada", explica Temes.
Engade que "algo tiñan que estar bebidos porque xa insistiron varias veces en atacarme dentro do bar e a dona do local mandounos fóra". Cando saíu do establecemento non agardaba que estiveran a esperalo a pouca distancia.
O ataque produciuse ao chegar ao lavadoiro no medio da costa: "Aí pegáronnos. Ao compañeiro pegáronlle no ombreiro e na cabeza, pero a min sobre todo na cabeza e na cara", relata.
A brutalidade foi tal que a vítima perdeu o coñecemento: "Nunca pensamos que nos fosen a agredir nin nada. Eu sentín as patadas na cabeza e na cara... e sangraba como un animal". Despois foi recollido por unha veciña e trasladado á casa do seu fillo ata que unha ambulancia levouno ao Hospital Montecelo en estado inconsciente.
As consecuencias da agresión foron graves. Manuel Temes sufriu a rotura do nariz en catro puntos, feridas na cabeza e no interior da boca, mazaduras nas costelas e unha fisura nun dos pulsos.
Foi atendido no Hospital Montecelo durante os últimos días pero aínda continúa con dor nesta xornada de venres cando acudiu á Comisaría da Policía Nacional a ofrecer a súa declaración sobre o sucedido.
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para identificar os tres presuntos agresores, un deles de arredor de corenta anos, aínda que polo momento non foron identificados.